O Sector Nacional Infantil Masculino foi presentado esta semana no Concello de Cangas e terá lugar do 16 ao 18 de maio.
No acto estiveron presentes: Araceli Gestido (alcaldesa de Cangas), Eugenio González (concelleiro de deportes), Óscar Fernández (presidente do Luceros), Francisco Rodríguez (responsable de loxística de FGBM) e Adrián Menduiña (adestrador do As Casiñas Luceros).

No acto púxose en valor o gran traballo que se está a facer tanto no Balonmán Cangas como no Luceros, tendo case pleno de participacións en competicións estatais e autonómicas .
«Estamos acostumándonos e algo que non é doado. Clasificar a tantos equipos é unha situación excepcional que non fai máis que falar ben dos adestradores que temos na base do clube» declara Óscar Fernández.
«O balonmán é unha actividade que beneficia ao pobo xa que neses días trae visitantes e nótase outro ambiente e iso é moi bo para Cangas» destaca Araceli Gestido no acto. Eugenio González remarcou, como xa fixo no acto da F4 Cadete, » Seguiremos apostando polo balonmán sempre que poidamos e felicitar aos rapaces, que son os artífices dos éxitos».
Por outra banda, Francisco Rodríguez comenta que «é unha honra ter tanto ao Balonmán Cangas como ao Luceros representando ao balonmán galego».
O evento terá lugar dende a tarde do 16 de maio ao mediodía do 18 de maio, onde coñeceremos que equipo acada a ansiada clasificación ao Top8 Nacional.
#ForzaLuceros