Eritia Privacidad
Sentimento que perdura dende 1961

Javi García nova fichaxe do Frigoríficos del Morrazo

mayo 29, 2025

O Club Balonmán Cangas anuncia a incorporación do pivote leonés Javi García (León, 1996) procedente do Balonmano Ciudad de Logroño, onde foi unha das referencias ofensivas nas últimas campañas da Liga Plenitude

Nun momento no que o equipo anunciou as baixas de varios xogadores importantes, a fichaxe de Javi García supón un impulso anímico para a afección e para o vestiario

Deseño de @fergodesign

Con 1,94 metros de altura e unha capacidade ofensiva contrastada, Javi García é considerado un dos grandes pivotes da liga, cun xogo diferencial na liña dos 6 metros. A súa chegada supón un auténtico reforzo de luxo para o clube, que ve nel unha peza clave no novo proxecto deportivo, ambicioso e con vocación de seguir medrando.

A súa calidade é incuestionable. É un xogador cun perfil que encaixa perfectamente na nosa idea de xogo, e que nos vai axudar a dar un paso adiante na parcela ofensiva”. “Queremos que a nosa afección sinta que seguimos loitando por medrar. Traer a un xogador coma Javi García é unha declaración de intencións. Estamos a construír un proxecto ambicioso, sen perder a nosa identidade”, afirma Óscar Fernández, director deportivo.

É unha gran oportunidade que un histórico do balonmán español se interese por min. O Cangas é un rival moi duro, especialmente na casa, e sempre admirei o ambiente que se vive no Gatañal cada fin de semana.” declara Javi.

Dende o primeiro momento notei moito interese por parte do club, e todo o que me contaron reforzou a idea de que é o lugar perfecto para seguir medrando como xogador. Sinto que é un club moi familiar, e cando é así, sáese á pista a loitar por algo máis que dous puntos.

Javi García incorporarase ao equipo durante a pretempada para estar ás ordes de Quique Domínguez. O Gatañal xa agarda por el.

Benvido, Javi. Xa formas parte da familia do Gatañal.

Forza Cangas!

Javi Garcia novo pivote do Balonmán Cangas