O Club Balonmán Cangas anuncia a renovación do lateral dereito vigués ata o vindeiro 2027.
Coa continuidade de Gayo, a entidade reforza unha peza clave do proxecto de cara á vindeira tempada.

A tempada 2026/2027 será a oitava de Martín Gayo no primeiro equipo, converténdoo nun dos xogadores máis veteranos do vestiario. Chegado moi novo a Cangas dende o Seis do Nadal, medrou deportiva e persoalmente dentro do clube, consolidándose como un referente polo seu compromiso diario e polo seu traballo constante sen facer moito ruido.
O Director deportivo da entidade, Óscar Fernández destaca: “Martín representa á perfección o que queremos ser como club: compromiso, traballo e sentimento de pertenza. É un xogador referente e un dos que mellor coñece a nosa filosofía. Chegou con 18 anos e foi un exemplo de bo facer tempada tras tempada. É unha grandísima noticia seguir contando con el porque nos aporta moita polivalencia no lateral dereito e tamén pode sumar en tarefas defensivas”
Pola súa banda, Martín Gayo declara: “Síntome un xogador de club. Sempre estiven, e sempre estarei, disposto a axudar en todo o que faga falta. Estou moi contento por seguir en Cangas e con moitas ganas de seguir traballando co grupo para cumprir os obxectivos.”
Esta renovación enmárcase na folla de ruta da dirección deportiva para manter o bloque da plantilla e dar continuidade ao proxecto competitivo do club. Trátase da terceira renovación confirmada, e a entidade segue traballando para pechar novas continuidades ao longo deste inicio de segunda volta, co obxectivo de afianzar o proxecto e reforzar o compromiso dos xogadores co club e coa loita pola permanencia.
Os números de Martín coa camiseta do Cangas reflicten o seu peso no equipo: 293 goles en 163 partidos oficiais, quedando xa moi preto da barreira dos 300 goles co club.
Forza Cangas!

Foto de @robertowskipics