Santi López e o Balonmán Cangas: unha unión indisoluble por sétima tempada consecutiva.
Santi López García renova por unha tempada máis e cumprirá, na 2026/2027, a súa sétima campaña vestindo a nosa camiseta.

A continuidade do madrileño supón un movemento estratéxico para o club. Santi, plenamente mimetizado coa idiosincrasia de Cangas, consolídase como o terceiro xogador con máis veteranía no vestiario actual. Desde a súa chegada, as súas cifras reflicten o seu peso no equipo: 154 partidos disputados e 373 goles anotados ao longo destas seis tempadas de entrega absoluta no Gatañal.
O Director deportivo da entidade, Óscar Fernández destaca: “Para o Clube é a mellor das noticias. Santi é un xogador que é 100% ADN Cangas e está moi involucrado co proxecto e cos seus compañeiros. Un referente que coñece á perfección o nivel de esixencia que require defender este escudo na máxima categoría”. “Na pista dános un plus, podendo actuar en calquera posto da primeira liña elevando a intensidade defensiva tanto no centro como no segundo. Como un dos capitáns, a súa continuidade reafirma a ambición dos xogadores por seguir medrando xuntos. Persoalmente, como director deportivo, considéroo a mellor de todas as fichaxes posibles.»
Pola súa banda, Santi López comenta: «Estou moi contento de seguir aquí na que será a miña sétima tempada. Só quedamos tres daquela época (Gayo, Quintas e eu), o que me fai darme conta da intensidade co que se vive isto; aquí as tempadas valen por dous, algo que asumo con naturalidade e que disfruto.»
«Os motivos para seguir son moitos, pero principalmente o sentimento que ten cara a min a afección e o trato que o club tivo comigo sempre. Tamén destaco o grupo que temos no vestiario, algo que valoro moitísimo. Como sempre dixen, pelexar por este escudo significa moito para min porque me sinto 100% identificado con el, cos seus valores e coa súa xente.»
Con este acordo, o Balonmán Cangas asegura a continuidade dun dos seus grandes activos estratéxicos. A renovación de Santi López é un paso máis para dar estabilidade ao bloque e garantir que a identidade do equipo siga intacta de cara aos retos que están por vir.
Forza Cangas!

Foto de @robertowskipics