O clube organizou durante o mes de maio, un Torneo Interescolar entre os colexios da comarca do Morrazo para fomentar o balonmán entre os máis novos dentro da campaña promovida polo Servizo Galego de Deportes da Xunta de Galicia a través do Programa Xogade.

O Club Balonmán Cangas continúa coa súa aposta polo deporte base e a promoción do balonmán entre a mocidade, a través da campaña Sal Aí e Móvete, enmarcada no Plan Xogade da Xunta de Galicia e co apoio do Servizo Provincial de Deportes.
Como parte desta iniciativa, organizouse un torneo interescolar de balonmán que reuniu a estudantes de diversos centros educativos da comarca do Morrazo. A actividade desenvolveuse no Pavillón de O Gatañal, permitindo ao alumnado experimentar a emoción de xogar nunha pista de alto nivel, guiados por xogadores do primeiro equipo que actuaron como adestradores durante os encontros.
Para dar maior visibilidade á campaña, o club utilizou as súas redes sociais e aproveitou os espazos dispoñibles nos dous últimos partidos disputados en O Gatañal contra o Benidorm e o Guadalajara. Durante estes encontros, a campaña estivo presente a través de publicidade en paneis LED, anuncios por megafonía e información no marcador electrónico. Ademais, a campaña tamén estivo presente na Fase de Ascenso á División de Honra Prata feminina, organizada polo club, reforzando así o seu compromiso coa promoción do balonmán en todas as categorías.
Con estas accións, o Club Balonmán Cangas reafirma o seu compromiso co desenvolvemento do deporte base e a promoción de hábitos saudables entre a mocidade, consolidándose como un referente no impulso do balonmán na comarca do Morrazo.
Ideada polo Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, a campaña ten como obxectivo fomentar a práctica de balonmán entre os máis pequenos durante as clases de Educación Física. Para así, iniciar ós nenos e nenas á práctica deportiva a través de adestradores cualificados e xogadores profesionais.


Imaxe dun dos partidos de ASOBAL e da Fase de Ascenso das Rapazas / Rober Pastoriza