O Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo continúa construíndo o seu novo proxecto cun reforzo internacional de presente e futuro. O húngaro Marcell Csaba Ludman é novo xogador do club para as dúas próximas tempadas.

Nacido en 2002, Ludman actúa como defensor central e tamén como lateral esquerdo. Cunhas condicións físicas impoñentes —2,02 m de altura e 104 kg de peso— chega procedente da NEKA Handball Academy, aínda que conta cunha ampla traxectoria na primeira división húngara, pasando por clubs como Fejér B.A.L. Veszprém, Pick Szeged, Ferencváros e pola academia de formación de Balatonfüred, dirixida polo ex xogador do noso club Akos Kis, quen avalou persoalmente a súa fichaxe.
“A fichaxe de Marcell é unha aposta clara pola nosa filosofía de club: talento novo, con proxección e coa capacidade de sumar desde o primeiro momento. Ludman vén para achegar tanto en defensa como en ataque, algo fundamental nesta nova etapa. Cremos que non só nos vai dar centímetros, senón tamén carácter e intensidade nun posto no que perdemos xogadores clave. Estamos moi contentos de poder contar cun xogador da súa calidade”, sinala Óscar Fernández, director deportivo do Clube.
Pola súa banda Marcell quiso engadir unhas declaracións: «Levo tempo seguindo o balonmán español. Hai varias razóns polas que sempre me gustou: a atmosfera intensa dos partidos atrapoume desde o principio. Ademais, teño amigos que xogan en España e sempre falaron moi ben da liga. Xogar en Cangas é unha gran oportunidade para min; é a realización dun soño de neno: xogar no estranxeiro»
«Como xogador, definiríame como alguén que nunca se rende. Encántame este deporte e traballo cada día para ser mellor. En ataque, a miña principal arma é o lanzamento exterior, e en defensa acostumo a xogar na posición central. Co meu espírito de equipo e mentalidade loitadora, farei todo o posible para axudar ao Cangas a gañar o maior número de partidos«- sinala a nova incorporación do clube.
Dende o clube queremos darlle a benvida a Marcell Ludman, desexándolle moito éxito e que esta nova etapa sexa tan apaixoante como chea de ilusión.
Forza Cangas!