O Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo continúa construíndo o seu novo proxecto cun reforzo local, Samuel Pereiro. O primeira liña do Porriño chega a Cangas tras o seu paso polo Anaitasuna.
Pereiro únese así ao plantel que Quique Domínguez de cara a vindeira tempada de Liga Plenitude.

O primeira liña porriñés chega a O Gatañal procedente do Helvetia Anaitasuna. Pereiro, formado na canteira do BM Porriño, destacou desde moi novo, o que lle permitiu dar o salto á SD Teucro, onde foi un xogador importante tanto en ASOBAL coma en División de Honra Prata. Máis tarde, fichou polo UD Ibiza HC Eivissa e, grazas ao seu rendemento, regresou á máxima categoría da man de Quique Domínguez en Pamplona.
Desde a dirección deportiva, Óscar Fernández sinala que:
«É un xogador que nos vai achegar moito en diferentes facetas do xogo, tanto en ataque coma en defensa. Cremos firmemente en seguir incorporando xogadores galegos de calidade para continuar medrando, e Samu encaixa perfectamente na nosa filosofía». Ademais, engade:»É un loitador nato, que vai encaixar moi ben co que a nosa afección demanda: compromiso e non dar nunca unha batalla por perdida«.
Pola súa banda, Samu Pereiro explicou que a súa fichaxe responde a un soño de infancia: «Sendo galego, o Cangas sempre foi un clube de referencia para min. Volver preto da miña xente e sentir o ambiente do Gatañal é algo especial«.
Pereiro asina polas vindeiras dúas tempadas, polo que agardamos que sexa o inicio dunha grande etapa xuntos
Dende o clube queremos darlle a benvida a Samuel Pereiro, desexándolle moito éxito e que esta nova etapa sexa tan apaixoante como chea de ilusión.
Forza Cangas!