Eritia Privacidad
Sentimento que perdura dende 1961

Quique Domínguez, novo adestrador do Frigoríficos do Morrazo

marzo 21, 2025

Quique Domínguez será o novo adestrador do Frigoríficos do Morrazo e firma para as dúas próximas tempadas.

A chegada do adestrador galego a Cangas indica unha nova etapa chea de ilusión e ambición.

Creatividade de benvida a Quique Domínguez / Pablo Fergo

En verbas do director deportivo do clube, Oscar Fernández: «A chegada de Quique supón o pistoletazo de saída cara un novo proxecto. Un adestrador que encaixa á perfección coa nosa filosofía: galego, con moita experiencia e que fai xogar moi ben aos seus equipos a través dun balonmán dinámico, intenso e moi competitivo».

Quique Domínguez é un técnico de gran experiencia no balonmán nacional, dirixindo equipos como Teucro e Academia Octavio, deixando unha pegada imborrable no balonmán galego. Nos últimos anos, demostrou o seu talento nos bancos do Valinox Novás, en Arabia Saudita e, ata esta tempada, no Anaitasuna, onde colleitou grandes resultados tanto a nivel de xogo como clasificatorios.

O novo adestrador mostrouse entusiasmado coa súa chegada a Cangas e compartiu as súas primeiras impresións:

«Cando Óscar e Alberto se puxeron en contacto comigo, amosaron moito interese en min. Paréceme un reto moi ilusionante e chego coa motivación e as ganas de traballar para este clube– declara o adestrador galego.

Tras cinco tempadas en Pamplona, penso que medrei moito como adestrador tanto a nivel personal como profesional«

Sobre a afección do Clube : «É un dos motivos que máis me chamaron para aceptar a oferta. É imposible pensar en Cangas sen a súa afección, o ambiente do Pavillón e o seu apoio incondicional, tanto na casa como nos desprazamentos. Xa o vivin moitas veces coma visitante e agora apetéceme moito formar parte disto como local«

Tamén deixou claras as súas intencións sobre a súa metodoloxía de traballo:

«Para min, o máis importante é facer lembrar ós xogadores e o staff que isto é un deporte de equipo. Adico moito tempo e esforzo en construír un grupo sólido dentro e fóra da pista.

Nun tempo onde se premia tanto ao MVP da xornada ou ó Player of the Match, eu busco que o EQUIPO sexa o verdadeiro protagonista. Que se nos recoñeza por traballar xuntos e por ser moi competitivos”.

Dende o Clube queremos darlle a benvida a Quique e desexarlle éxito nesta nova etapa que arrancamos xuntos. Estamos convencidos que coa experiencia, compromiso e a paixón polo balonmán que transmite, temos as claves para o crecemento do equipo e do proxecto deportivo do Clube.

#Forza Cangas

Quique Domínguez na visita de Helvetia Anaitasuna en decembro de 2024 nun partido de Liga Plenitude Asobal/ @robertowskipics