Quique Domínguez será o novo adestrador do Frigoríficos do Morrazo e firma para as dúas próximas tempadas.
A chegada do adestrador galego a Cangas indica unha nova etapa chea de ilusión e ambición.

En verbas do director deportivo do clube, Oscar Fernández: «A chegada de Quique supón o pistoletazo de saída cara un novo proxecto. Un adestrador que encaixa á perfección coa nosa filosofía: galego, con moita experiencia e que fai xogar moi ben aos seus equipos a través dun balonmán dinámico, intenso e moi competitivo».
Quique Domínguez é un técnico de gran experiencia no balonmán nacional, dirixindo equipos como Teucro e Academia Octavio, deixando unha pegada imborrable no balonmán galego. Nos últimos anos, demostrou o seu talento nos bancos do Valinox Novás, en Arabia Saudita e, ata esta tempada, no Anaitasuna, onde colleitou grandes resultados tanto a nivel de xogo como clasificatorios.
O novo adestrador mostrouse entusiasmado coa súa chegada a Cangas e compartiu as súas primeiras impresións:
«Cando Óscar e Alberto se puxeron en contacto comigo, amosaron moito interese en min. Paréceme un reto moi ilusionante e chego coa motivación e as ganas de traballar para este clube”– declara o adestrador galego.
“Tras cinco tempadas en Pamplona, penso que medrei moito como adestrador tanto a nivel personal como profesional«
Sobre a afección do Clube : «É un dos motivos que máis me chamaron para aceptar a oferta. É imposible pensar en Cangas sen a súa afección, o ambiente do Pavillón e o seu apoio incondicional, tanto na casa como nos desprazamentos. Xa o vivin moitas veces coma visitante e agora apetéceme moito formar parte disto como local«
Tamén deixou claras as súas intencións sobre a súa metodoloxía de traballo:
«Para min, o máis importante é facer lembrar ós xogadores e o staff que isto é un deporte de equipo. Adico moito tempo e esforzo en construír un grupo sólido dentro e fóra da pista”.
“Nun tempo onde se premia tanto ao MVP da xornada ou ó Player of the Match, eu busco que o EQUIPO sexa o verdadeiro protagonista. Que se nos recoñeza por traballar xuntos e por ser moi competitivos”.
Dende o Clube queremos darlle a benvida a Quique e desexarlle éxito nesta nova etapa que arrancamos xuntos. Estamos convencidos que coa experiencia, compromiso e a paixón polo balonmán que transmite, temos as claves para o crecemento do equipo e do proxecto deportivo do Clube.
#Forza Cangas

Quique Domínguez na visita de Helvetia Anaitasuna en decembro de 2024 nun partido de Liga Plenitude Asobal/ @robertowskipics